A aplicación web A MIÑA PROFESIÓN é unha ferramenta interactiva de carácter técnico e divulgativo que contén información integral das ocupacións a través da concreción da globalidade dos aspectos contidos no eixe mercado laboral-formación.
A creación da Miña Profesión dálle resposta a unha das dúas finalidades recollidas, para o servizo do Observatorio Ocupacional, no Decreto 93/1999, do 8 de abril, polo que se crea e se regula o Instituto Galego das Cualificacións: proporcionar información sobre a evolución da demanda e da oferta das profesións, ocupacións e perfís no mercado de traballo, tendo en conta, entre outros, os sistemas de clasificación profesional xurdidos da negociación colectiva.
O atributo esencial da ferramenta é o seu carácter integrador, entendido como instrumento compilador de información das profesións que conforman o mercado laboral. Reúne desde datos cuantitativos do mercado laboral amplamente desagregados, procedentes da explotación das bases de datos de contratación e paro rexistrado, ata outra información máis heteroxénea e diversa, cun carácter menos cuantitativo, sobre o perfil profesional das ocupacións e a formación asociada.
Cabe destacar a introdución dun sistema de información xeográfico deseñado para tal efecto, que completa a información do "MERCADO LABORAL" nos aspectos territoriais.
Esta aplicación inclúe todas as ocupacións a oito díxitos (nivel máximo de desagregación) que contén a táboa de ocupacións utilizada para a intermediación polos Sistemas públicos de emprego (clasificación SISPE). Esta clasificación, respecta a CNO-94 (Clasificación Nacional de Ocupacións, ano 1994) a catro díxitos, e modifica e actualiza a partir do ano 2002 (incluíndose nas bases de datos en maio de 2005) a desagregación a oito díxitos que viña utilizando o INEM nos anos 90 (na actualidade o SPEE, Servizo Público de Emprego Estatal).
Certos grupos primarios a catro díxitos que non descenden ao nivel de oito, consignados baixo a etiqueta "equivalencia EURES", non van aparecer na aplicación (atinxe basicamente a cargos públicos de concellos, poder xudicial, etc., con moi pouca relevancia no conxunto dos contratos ao ano).
É importante aclarar tamén que poden xurdir problemas coas denominacións derivadas dos límites entre ocupacións, postos de traballo, actividades profesionais difusas e distorsións de cambios de funcionalidades que pode introducir o factor tempo. Existen varios tipos de solucións parciais para estes defectos que poden mellorar a aplicación. Unha desas accións pasa por contextualizar o máximo posible a información. Neste senso, no deseño apostouse por concretar a información, sempre que fose posible, nunha tripla vertente: en orixe (determinando a fonte de información) e nas coordenadas espazo-temporais.
O carácter divulgativo tamén constitúe outro obxectivo da Miña Profesión. No propósito de conxugar o carácter divulgativo co carácter técnico, por exemplo, no punto de mercado laboral optouse por unha estrutura con dous esquemas diferenciados. Desenvolveuse unha páxina xeral con información básica para un usuario inespecífico, entendendo que o seu interese é coñecer certos datos básicos da profesión coa súa evolución ao longo dun horizonte trianual, e tres páxinas cun carácter máis técnico, onde afondar na análise a través de gráficas temáticas, datos máis detallados e mapas que dan unha visión territorial do movemento e importancia da ocupación.
A interactividade da aplicación é tamén un obxectivo importante, xa que A Miña Profesión non pretende impoñer un punto de vista unidireccional sobre a complexa realidade que envolve as ocupacións. Por este motivo, invítase os usuarios a facer uso habitual do punto "axúdenos a mellorar", para que entre todos poidamos completar no detalle a aplicación, dado que é imposible afondar en todas as ocupacións coa mesma intensidade e coñecemento.
A selección dunha profesión concreta é a primeira actividade que se ten que realizar ao acceder á Miña Profesión. A partir desta selección poderase ter acceso á información específica que figura na web sobre ela: datos do mercado laboral, perfil profesional ou formación.
Desenvolvéronse tres formas de busca diferentes para posibilitar o acceso diferencial segundo o tipo de usuario: "busca por palabra clave", "busca por sector" cando se coñece a afinidade sectorial da ocupación segundo a clasificación sectorial SISPE e a "busca por grupo ocupacional", cando do que se trata é de establecer unha afinidade ocupacional a través das relacións que se explicitan na clasificación SISPE entre as distintas profesións.
A través da busca accédese ás distintas ocupacións a oito díxitos da clasificación CNO-SISPE, baixo a denominación principal normalizada e as alternativas.
A busca por palabra deseñouse a partir das palabras que identifican as profesións na clasificación SISPE, tanto por nome principal como por nomes alternativos. Polo tanto, no momento da posta en marcha da aplicación, o abano da busca é amplo, aínda que co límite para certas ocupacións en que a denominación técnica non coincida co nome social ou popular.
A busca por palabra clave integrada actualmente na Miña Profesión realízase a través de dous sinxelos pasos. Primeiramente, o usuario escribe o nome da profesión que lle interesa no espazo asignado para tal fin. A mellor opción para atopar dun xeito doado a ocupación consiste en escribir soamente a raíz da palabra que se pretende buscar; desta forma optimízanse os posibles problemas orixinados pola utilización dun diferente xénero ou derivados da palabra que poidan figurar nas denominacións sistematizadas do SISPE. Despois, deberá optar entre dous camiños posibles: "algunha palabra" ou "todas as palabras", pulsando o botón correspondente. En caso de que o usuario escriba unha palabra ou anaco de palabra, é indiferente o botón elixido, dado que "algunha palabra" implica a totalidade das palabras. Non obstante, no caso de escribir dous ou máis anacos ou palabras individuais, ao seleccionar "algunha palabra", a aplicación fai unha busca por todas e cada unha das palabras; pola contra, ao optar por "todas as palabras", soamente sairán en pantalla aquelas ocupacións que conteñan todos os termos da selección. Polo tanto, en caso dunha selección múltiple de palabras, a elección dos botóns implicará unha opción de busca máis afinada ou máis ampla de ocupacións.
Unha vez mostrados os resultados da busca no espazo amarelo, o usuario, cun simple clic, poderá seleccionar a ocupación que lle interesa accedendo ao contido dos diferentes bloques informativos. Se a profesión que busca non se encontra na listaxe, pode repetir os pasos para descartar posibles erros ou utilizar outra das dúas formas de busca que se concretan nos seguintes puntos.
Cómpre sinalar que na elaboración da busca por palabra clave se tiveron en conta unha serie de criterios para optimizar a selección. Os máis relevantes son estes: - Criterio de busca por anacos de palabras (a partir de tres letras), ademais de por palabras completas. - Resultados de busca non afectados pola escritura en maiúsculas ou minúsculas ou mestura de ambas. - Adición de filtros para evitar resultados seleccionados segundo artigos e preposicións que fan aumentar considerablemente o número de resultados sen achegar información neta. - Resultados da busca non discriminados pola presenza ou ausencia de til nas palabras. - Realización de buscas tanto pola denominación principal que aparece na clasificación SISPE como por outras alternativas da mesma clasificación, aínda que ao seleccionar a ocupación nos distintos puntos apareza a denominación principal como cabeceira.
Busca alternativa á busca por palabra clave. Cómpre concretar a acepción de "sector" utilizada nesta parte da aplicación, diferente do concepto de actividade económica máis amplamente difundido nos estudos socioeconómicos a Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE). O sector de busca na Miña Profesión provén da ordenación sectorial da clasificación SISPE, onde se encadran desde o punto de vista sectorial o conxunto de ocupacións contidas nesta clasificación global, cun nivel máximo de desagregación. Este encadramento pode ser simple ou múltiple, segundo se trate de profesións propias dun sector ou cun carácter máis transversal.
A ordenación sectorial da clasificación SISPE consta dun total de 28 actividades económicas diferentes, e a súa referencia inmediata pódese encontrar nas antigas familias da FPO establecidas nos anos noventa polo INEM, coas que se identifica no seu conxunto, agás no caso da familia de téxtil, coiro e pel, que nesta aplicación aparece de xeito separado o sector téxtil do sector do coiro e a pel.
Dado que o número de ocupacións que se asocian a cada sector segundo esta correlación é bastante elevado, para facilitar o manexo das listaxes, optouse por engadir un paso, deste xeito, antes de acceder ás ocupacións a oito díxitos, ábrese en cada sector un abano que pode ser de ata 10 opcións distintas de grandes grupos, referidos a un nivel de cualificación concreto ou unhas particularidades grupais comúns aos seus integrantes.
A asociación das ocupacións a oito díxitos cos sectores SISPE adopta un criterio de máximos, de tal xeito que aquelas ocupacións cun encadramento múltiple aparecerán en varios sectores diferentes.
Para realizar a busca por sector SISPE, hai que seleccionar en primeiro lugar un dos 28 sectores a través dun despregable. A continuación, aparecerá no recadro amarelo de resultados o abano de grandes grupos de ocupacións representados nese sector. Hai que ter en conta que os grandes grupos delimitan ocupacións polo seu nivel de cualificación ou baseándose en características especiais que posúen como colectivo. A continuación, seleccionarase un deles para acceder ás ocupacións que contén e que ao mesmo tempo se encadran no sector de referencia. O cadro de resultados está deseñado en forma de árbore para posibilitar os retornos sinxelos a outros grandes grupos dentro do sector en caso de non atopar a ocupación buscada no primeiro intento. Unha vez localizada a profesión, cun simple clic no seu nome, accederase aos distintos bloques informativos que integran A Miña Profesión.
A través desta forma de busca explicítanse as relacións horizontais e verticais establecidas para as ocupacións e grupos ocupacionais na Clasificación Nacional de Ocupacións, incluída na ordenación estrutural da clasificación SISPE. Polo tanto, a ordenación estrutural do SISPE non vén ser outra cousa que a ordenación establecida na Clasificación Nacional de Ocupacións (CNO), a cal se estende ata grupos primarios (catro díxitos) e desagregada a oito díxitos antes pola ordenación CNO-INEM/94 e despois pola ordenación SISPE para facilitar o manexo interno (no sistema do Servizo Público de Emprego) de termos ocupacionais barallados nas distintas bases de datos.
A selección das profesións por grupo ocupacional dá a posibilidade de acceder a ocupacións cando se coñece de antemán o seu código numérico (xa sexa íntegra ou parcialmente desde o primeiro díxito).
A Clasificación Nacional de Ocupacións CNO e o SISPE, que desagrega os grupos primarios de catro díxitos da CNO en ocupacións a oito díxitos, constitúe unha árbore en que, partindo dos dez grandes grupos principais (un díxito numérico), se van despregando en fervenza os distintos compoñentes cada vez máis concretos ata chegar a ocupacións primordiais. Deste xeito, dos dez grandes grupos descéndese no primeiro chanzo ao nivel de grupo principal (non presente en todos os grandes grupos), caracterizado por un díxito alfabético con 19 representantes; de aí desprégase o nivel de subgrupo principal a dous díxitos numéricos con 65 rúbricas, do que se descende aos subgrupos a tres díxitos numéricos con 206 representantes, e seguido do nivel de grupo primario con catro díxitos numéricos e 493 representantes onde remata a CNO-INEM. O SISPE, que é, pola súa vez, unha actualización da CNO-INEM, descende un novo e último nivel, o das ocupacións elementais a oito díxitos con arredor de 2.000 representantes.
Os dez grandes grupos a un díxito numérico seguen, en liñas xerais, unha lóxica de nivel da cualificación e, polo tanto, separan grupos de diferente grao de cualificación. No entanto, este criterio non se pode aplicar en todos os casos, xa que, por exemplo, o grupo 5 de traballadores en servizos e o 6 de traballadores cualificados en agricultura e pesca non son sistematizables en relación co seu nivel de cualificación. Outra excepción á regra é o grupo 0, correspondente ás forzas armadas, que contén unha única ocupación: "soldado profesional".Por este motivo, no grupo 0 accédese directamente á ocupación a oito díxitos que contén,este caso tamén se dá nos grandes grupos 3, 4 e 6, que soamente conteñen un grupo principal.
Para utilizar a busca por grupo ocupacional, despois de acceder mediante o botón redondo da esquerda da pantalla, cómpre optar no despregable por un dos dez grandes grupos ocupacionais. Unha vez seleccionado o grupo, elixirase un dos dous camiños posibles: "busca gradual" ou "busca directa". Empregarase a busca escalonada cando se pretenda ir descendo paulatinamente de chanzo a chanzo pola árbore estrutural, desde cada grupo maior ao grupo primario e de aí ás ocupacións a oito díxitos. Cando, polo contrario, se persiga alixeirar o percorrido accedendo directamente aos grupos primarios (catro díxitos) propios de cada gran grupo para, a partir de aí, obter os resultados de ocupacións elementais, optarase pola busca directa, que é máis rápida.
A busca escalonada é idónea para aqueles usuarios que queren coñecer como se vai armando o encadramento das ocupacións na ordenación estrutural, desde o nivel máis agregado ata o máis desagregado.
O bloque informativo de datos do mercado está constituído por información cuantitativa das ocupacións, procedente das bases de datos do Servizo Público de Emprego ás que ten acceso habitual o Servizo de Observatorio Ocupacional do Instituto Galego das Cualificacións. Dado que as fontes de información son diversas e teñen peculiaridades propias, considerouse conveniente facer unha mención individualizada para cada unha delas nestas notas metodolóxicas, malia que no seu deseño se buscase en todo momento un obxectivo de homoxeneidade informativa.
Estableceuse, en relación co ámbito temporal dos datos, un criterio uniforme para os subpuntos que integran o mercado laboral. Deste xeito, procurouse facer un deseño das consultas de forma que se mostrase un volume de información actualizado e que ao mesmo tempo tivese un tamaño que evitase o máximo posible as restricións que impón a Lei de protección de datos, tendo en conta que existe unha gran variedade de ocupacións e algunhas con datos moi limitados.
En contratos, base de datos sumativa ( permiten a acumulación de datos ao longo do tempo), optouse por mostrar o dato acumulado anual, froito da suma dos últimos doce acumulados mensuais. É importante acentuar o feito de que se trata do acumulado anual de doce meses, xa que logo, será na maioría dos casos diferente do acumulado anual do ano natural. Por exemplo, se na aplicación existen datos desde o 31 de xullo de 2008, o acumulado anual estará constituído polos datos mensuais dos últimos doce meses desde xullo de 2007 ata xuño de 2008.
No que respecta aos datos evolutivos que se mostran na gráfica da páxina principal de contratos, partindo das mesmas premisas consideradas para o dato actualizado, optouse por establecer unha serie con 12 valores evolutivos tomados de tres en tres meses, desde o último mes cargado. Con este tipo de serie acádase o obxectivo principal de ofrecer unha evolución da profesión a medio prazo, trianual, e polo tanto cun horizonte temporal amplo pero ao mesmo tempo non moi afastado do contexto actual laboral.
A concreción do ámbito temporal nas consultas de paro rexistrado, dada a natureza non sumativa desta base de datos, foi obxecto dunha estruturación alternativa para preservar o criterio xeral de actualización da información e volume de datos axeitado. A través desta fonte de información, tense acceso a unha imaxe estática do conxunto de parados rexistrados, correspondente ao derradeiro día de cada mes, onde aparecen as últimas actualizacións de datos que se levaron a cabo durante estes últimos trinta días, xunto con todos aqueles datos non modificados no mesmo período pero que seguen vixentes nesa data. Partindo destas consideracións, optouse por presentar a información segundo a actualización máis recente, que é a que corresponde á imaxe do derradeiro día do último mes cargado.
En relación cos datos de paro rexistrado, que proceden dunha base de datos non sumativa, é imposible establecer un concepto de acumulado trimestral. Os tramos construíronse segundo a imaxe vixente no último día do último mes en cada grupo de tres meses contados a partir da última data de actualización, ata un horizonte temporal trianual. Aqueles usuarios interesados en visualizar a temporalidade estacional na gráfica de datos evolutivos deberán ter en conta estes aspectos .
Unha medida relativa da temporalidade na contratación pódese observar no indicador de estabilidade contido na páxina de "máis datos".
Outro criterio común a todo o punto de mercado laboral, xa comentado en parágrafos anteriores, é o compromiso de actualidade informativa. Deste xeito, definiuse unha renovación informativa de carácter mensual que posibilita unha vixencia constante da información. A data de actualización aparece sempre ao final de cada páxina.
En relación co ámbito territorial, os datos están xeralmente referidos ao conxunto da comunidade autónoma galega, salvo no caso dos mapas que precisamente se engadiron para informar sobre a distribución territorial de certos aspectos das ocupacións que conviña distinguir no eido local. A referencia territorial elixida para os mapas é o ámbito comarcal.
No referente ao nivel de desagregación das ocupacións elixido na análise do mercado laboral, optouse por un criterio de máximos, que varía segundo as posibilidades da base de datos considerada. No caso de paro rexistrado, coincide co nivel de ocupación elemental (oito díxitos), que é o nivel máis desagregado que pode adoptar unha ocupación na clasificación SISPE. No entanto, na base de datos de contratos, o nivel máximo de desagregación corresponde aos grupo primarios (catro díxitos). Malia isto, é posible obter datos de contratos a oito díxitos se no grupo primario se inclúe unicamente unha ocupación a oito díxitos (por exemplo, soldado profesional). Os usuarios que desexen saber este extremo, é dicir, se están obtendo contratación asociada a unha ocupación a oito díxitos ao mesmo tempo que a obtén do grupo primario, poden verificalo accedendo á busca por grupo ocupacional, onde a través do código se poden visualizar as ocupacións elementais contidas nun determinado grupo ocupacional (catro díxitos).
En cada punto de mercado laboral aparece unha páxina principal con datos básicos orientados ao público en xeral e unhas ligazóns de acceso a páxinas cun contido máis.
Unha vez que o usuario accede ao punto de mercado laboral, aparece na pantalla un menú para seleccionar un dos subpuntos que compoñen este bloque: contratación e paro rexistrado.
Unha vez seleccionado un tipo de información, non é preciso volver á páxina inicial de mercado laboral para navegar aos restantes subpuntos, dado que ao final de cada páxina existen uns botóns de enlace con cada un deles.
Este bloque elabórase a partir da base de datos de contratos rexistrados do Servizo Público de Emprego. Trátase dun punto heteroxéneo con datos eminentemente cuantitativos, que combina información de texto (a definición do grupo primario) con gráficas, mapas e cadros resumo (indicadores, perfil tipo, colectivos...). O ámbito ocupacional dos datos de contratos constitúe un aspecto diferencial en relación co outro bloque de mercado laboral, paro rexistrado, dado que neste caso corresponde ao grupo primario, en vez de á ocupación primordial.
A páxina de entrada resume os datos máis salientables de contratación e está enfocada a un usuario inespecífico. As outras tres páxinas son de carácter máis técnico, e nelas mergúllase na análise a través de atributos (sexo, idade, actividade económica, comarca, etc.) con gráficas, resumos de datos máis específicos e mapas comarcais temáticos.
As páxinas especializadas conteñen os atributos clásicos dos estudos do mercado laboral, agás no que respecta á tipoloxía contractual. Partindo do feito de que os contratos rexistrados constitúen as relacións contractuais de nova creación, o normal é que sexan eminentemente de tipoloxía temporal, o cal fai infravalorar a proporción de contratos indefinidos de nova creación que, por lóxica, serán bastante menores. As proporcións obtidas contabilizando a tipoloxía contractual de nova creación non constitúen unha imaxe veraz das proporcións relativas de contratación indefinida frente á contratación temporal, fundamentalmente porque os contratos indefinidos en vigor pero rexistrados antes do ano de estudo non aparecerán reflectidos a pesar de estaren vixentes.
A páxina principal inicia o bloque de contratos, podéndose atopar unha serie de espazos informativos:
Espazo introdutorio que ten por obxecto puntualizar a orixe e significado da información que se desenvolve no bloque de contratación. Tal e como se comentou na presentación do punto de mercado laboral, os datos de contratación fan referencia a grupos primarios (catro díxitos) e agrupacións de ocupacións elementais. Deste xeito, os contratos asociados, por exemplo, a albanel que se mostran na Miña Profesión son en realidade os contratos asociados ao seu grupo primario denominado "albaneis e canteiros".
Malia o anterior, existe unha excepción á regra en relación coa referencia dos datos de contratos a un grupo ocupacional, que se dá cando un grupo primario está formado por unha soa ocupación elemental. Neste caso, ao mesmo tempo que se subministran datos do grupo primario, estanse obtendo datos da propia ocupación obxecto de estudo. Para pescudar este aspecto, e así extraer mellores conclusións dos datos ofrecidos, pódese retroceder ao punto de busca por grupo ocupacional. Unha vez neste punto, como o código do grupo primario é coñecido (aparece na páxina principal de contratación), selecciónase no despregable o primeiro díxito do código e, pulsando o botón de busca rápida, accédese á listaxe de grupos primarios que conteñen ese díxito, onde se seleccionará o grupo de interese mediante un clic, aparecendo deste xeito as ocupacións que contén.
Por último, cómpre matizar que neste espazo, xunto coa definición e tarefas máis importantes do grupo primario, aparecen como corolario da descrición exemplos de ocupacións incluídas e non incluídas no citado grupo. Haberá que ter en conta, para non se equivocar, que esta información non está normalizada de cara ás nomenclaturas nin límites das profesións da clasificación SISPE e, por iso, tales exemplos poden non ter correspondencia coas ocupacións obxecto de análise da Miña Profesión.
O dato de contratos anuais refírese ao número de contratos rexistrados no grupo primario, no ámbito territorial galego e no período anual, considerado desde a data de actualización de datos ata o décimo segundo mes anterior, independentemente de que se refiran a unha mesma persoa contratada ou a varias diferentes. O dato de contratados, polo contrario, resume, baixo os mesmos parámetros espazo-temporais, os contratos rexistrados a distintas persoas físicas.
A comparación entre o dato dos contratos e os contratados no ámbito ocupacional é un aspecto importante da análise dos contratos, xa que dá unha idea da temporalidade na contratación. Non obstante, non ofrece conclusións definitivas sobre este aspecto, dado que, ademais do concepto de contratos temporais a unha persoa física (temporalidade intrapersoal) no ámbito dun grupo ocupacional, que é o que mide un pouco a comparación de contrato e contratado na Miña Profesión, tamén se poden producir contratos temporais a diferentes persoas físicas ("temporalidade interpersoal"), suceso moi común na época estival.
Tamén cómpre especificar o horizonte temporal dos datos, dado que se utiliza como referencia o ano real (doce meses anteriores á data de actualización), o cal non significa necesariamente que se trate do ano natural (2008, 2009, etc.), salvo cando a data de actualización corresponde ao 31 de decembro dun ano.
A continuación do dato de contratos e contratados anuais, aparece na mesma páxina principal unha gráfica da evolución da contratación asociada ao grupo primario de referencia, nos últimos tres anos e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Esta gráfica é confeccionada a partir de datos de contratación. En primeiro lugar, valorouse o feito de que o dato de contratación non é susceptible de ser sobreestimado, xa que é un dato totalmente estable nuns parámetros espazo-temporais concretos, en contraste co acontece co dato de contratados. Este último dato é susceptible de ser sobreestimado se se lle engaden atributos tales como un intervalo temporal, actividade económica, idade, etc...
Coa gráfica evolutiva complétanse os datos principais de contratación asociada aos grupos primarios. Porén, non remata aquí a información de contratación. Ao final desta páxina aparecen unhas ligazóns de acceso a unhas páxinas con información máis pormenorizada.
Na páxina "Máis gráficas" podemos atopar datos de contratos anuais en Galicia segundo unha serie de atributos:
Os intervalos por idade de carácter homoxéneo teñen unha amplitude de dez anos. O primeiro tramo, denominado "menores de 26 anos", corresponde en xeral aos traballadores de 16 a 25 anos, malia isto, podense dar casos excepcionais de contratacións a menores de 16 anos no ámbito artístico (modelos, cantantes, actores, etc.). O tramo de maiores de 55 anos normalmente abrangue ata os 65 anos, idade habitual de xubilación, pero cando o traballador prolonga voluntariamente a súa vida laboral pode supera este límite.
Gráfica que reflicte as actividades económicas de contratación do grupo primario segundo o nivel de divisións (dous díxitos numéricos) da Clasificación Nacional de Actividades Económicas.
Dado que hai grupos primarios cunha elevada transversalidade respecto ás actividades económicas de referencia, engadíuselle a esta gráfica de anel denominado "outros sectores", onde se agruparon aquelas actividades con menor presenza porcentual no grupo primario.
A páxina "Máis info" agrupa un conxunto de datos resumo en torno a tres eixes:
1- PERFIL TIPO: conxunto de atributos referenciados segundo o valor máis común acadado polas contratacións asociadas ao grupo primario nuns parámetros espazo-temporais correspondentes ao ano real no conxunto da Comunidade Autónoma de Galicia.
2- COLECTIVOS: resumo de datos porcentuais dos colectivos máis habituais nos estudos do mercado laboral no mesmo horizonte espazo-temporal anterior.
3- INDICADORES: este punto conten dous indicadores utilizados noutros estudos do observatorio considerados interesantes nun coñecemento máis pormenorizado da contratación asociada ao grupo ocupacional.
O indicador de tendencia constrúese comparando o dato de contratos anuais de Galicia do último ano, considerado a partir da data de actualización da aplicación, coa media dos catro anos anteriores, de tal xeito que, cando é maior, dá crecemento; cando é igual, estabilidade, e cando é menor, decrecemento. Para que o indicador dea estabilidade, debe corresponder a media aritmética dos catro anos anteriores exactamente co valor de contratos do ano considerado.
Unha vez establecida a tendencia, cando o resultado é de crecemento, pode ser de tres tipos:
- Crecemento nos catro períodos interanuais: crecemento sostido.
- Crecemento en tres períodos interanuais: crecemento relevante.
- Crecemento nun ou dous períodos interanuais: crecemento irregular.
A estabilidade pódese matizar do seguinte modo:
- Crecemento en tres períodos interanuais: estabilidade positiva.
- Crecemento nun ou dous períodos interanuais: estabilidade irregular.
- Constante no tempo: estabilidade.
E cando partimos dunha situación de decrecemento:
- Decrecemento nos catro períodos interanuais: decrecemento sostido.
- Decrecemento en tres períodos interanuais: decrecemento relevante.
- Decrecemento nun ou dous períodos interanuais: decrecemento irregular.
O indicador de estabilidade, pola súa banda, constrúese a partir de dúas variables denominadas "contratación indefinida" e "taxa de rotación". Considérase contratación indefinida (CI) a porcentaxe de contratados indefinidos fronte ao total de contratados (indefinidos + temporais) ao longo dun ano. Por outra banda, a taxa de rotación (TR)/persoa considérase ao número de contratos temporais para cada contratado temporal ao longo dun ano, é dicir, contratos temporais/contratados temporais.
Despois de calcular estas variables para un grupo ocupacional, compáranse coas mesmas variables aplicadas para todos os grupos ocupacionais no mesmo horizonte espazo-temporal. Denominaríanse CI medio e TR media.
A posteriori, aplícase o seguinte baremo atendendo ao cruzamento das dúas variables:
Situacións posibles:
-Estabilidade laboral alta
CI grupo ocupacional > CI medio
TR grupo ocupacional < TR media
-Estabilidade laboral media
CI ocupación > CI medio
TR ocupación = TR media
CI ocupación = CI medio
TR ocupación < TR media
-Estabilidade laboral baixa
CI ocupación = CI medio
TR ocupación = TR media
Na análise dos resultados convén ter en conta fundamentalmente a situación de estabilidade laboral alta e baixa, xa que nestas circunstancias é posible deducir que o grupo se coloca nunha situación destacable respecto á posición media dos restantes grupos, xa sexa en sentido positivo ou negativo, segundo o tipo de estabilidade acadada.
No punto de contratación incluíuse un bloque con mapas temáticos a través dos que se representa o territorio galego estruturado en comarcas:
- Mapa da distribución comarcal da contratación. Concreta as diferenzas territoriais de contratación, nas distintas comarcas galegas.
Permite obter información significativa en grupos ocupacionais cunha distribución de datos moi diferente (desde unha contratación superior a 1.000 nalgunha comarca ata outros que non chegan a unha ducia nas comarcas de maior contratación), posibilitando ao mesmo tempo establecer comparacións nos mesmos parámetros espazo-temporais entre grupos ocupacionais.
Respecto á construción dos intervalos de contratación comarcal, para conseguir a significación de mapas en grupos tan diversos, optouse por deseñar amplos intervalos e de amplitude crecente. Deste xeito, definíronse sete intervalos que integran toda a casuística de distribución de datos asociados a sete cores en degradado que imprimen unhas tonalidades diferentes segundo o volume contractual de cada grupo primario.
Os intervalos non son homoxéneos entre si para un mapa concreto (son homoxéneos para todos os grupos ocupacionais) por cuestións de simplicidade da análise.
- Mapa de tendencia da contratación nos últimos cinco anos.
Construíuse un mapa coa información subministrada polo indicador de tendencia (para saber máis sobre este indicador, consúltense as notas metodolóxicas da páxina de contratos denominada "Máis info"). O obxectivo deste mapa é observar as variacións territoriais acadadas por este indicador nas comarcas. Para a coherencia interna dos datos, engadiuse o filtro de non permitir calcular a tendencia naquelas comarcas que non presentasen contratación en, polo menos, un dos cinco anos anteriores.
- Mapa de contratación sectorial.
Mapa elaborado para observar as variacións territoriais de actividades económicas das empresas contratantes no grupo primario. Estas actividades económicas aparecen clasificadas baseándose no nivel de divisións (dous díxitos numéricos) da Clasificación Nacional de Actividades económicas (CNAE). Deste xeito, cada comarca colorearase do sector que acade para o grupo ocupacional estudado o maior número de contratos anuais.
En comarcas cun volume contractual moi baixo, é probable que se acaden empates (mesmos valores) entre os sectores de maior contratación da comarca. Nestes casos fixáronse tres criterios para dirimir empates que serán aplicados segundo unha orde de preferencia:
- En primeiro lugar, elexíuse de entre os empatados o sector que máis se repite nas restantes comarcas como actividade de maior contratación.
- Se persiste o empate, valorouse o feito de que se trate dun sector relacionado tradicionalmente coa ocupación.
- Por último, cando non foi posible dirimir os empates , optouse por a orde numérica.
O bloque de paro rexistrado elabórase a partir da base de datos de demandas do Servizo Público de Emprego. Trátase dun punto heteroxéneo, con datos eminentemente cuantitativos, que combina información de texto (definición de paro rexistrado) con gráficas, mapas e cadros sintéticos (indicador de tendencia, perfil tipo, colectivos...). O ámbito ocupacional de referencia dos datos corresponde á ocupación elemental, que constitúe o máximo nivel de desagregación da aplicación.
Dada a natureza non sumativa da base de datos de demandas, o tratamento e as conclusións derivadas dos datos de paro rexistrado son forzosamente diferentes dos extraídos de ofertas ou contratos. Así, neste bloque informativo, o dato actualizado constrúese a partir da última imaxe mensual cargada na aplicación (véxase a data de actualización), e corresponde á información máis actual de parados rexistrados vixentes nesa data, independentemente da data de rexistro no cómputo do paro. En consecuencia, un parado inscrito hai dous anos pero que segue parado na actualidade computará no rexistro de parados extraído da última imaxe da base de datos xunto con aqueloutros parados máis recentes. Seguindo o mesmo criterio, as evolucións constrúense en tramos de tres en tres meses a partir da imaxe do último día do trimestre, e debe entenderse neste caso como evolución do rexistro de parados ao longo do tempo ( non como cómputo trimestral de novos rexistros).
Tamén cómpre matizar a vinculación existente entre o dato de parado rexistrado e a ocupación demandada polo parado. Nesta aplicación enténdese por parados rexistrados por ocupación aqueles parados que demandan a ocupación concreta obxecto de estudo, independentemente de que tivesen traballado nela, así que non podemos pensar no paro rexistrado asociado á ocupación stricto sensu, o cal sería moito menos voluminoso, senón que ofrece datos dos parados rexistrados que desexan traballar nesta ocupación, independentemente de que tivesen ou non unha vinculación laboral previa con ela.
Tamén cómpre salientar que cada demandante de emprego pode demandar ata seis ocupacións distintas, sen ningunha orde de preferencia concreta, polo que se un parado solicitou seis ocupacións, aparecerá computado nas seis ocupacións da aplicación.
Na presentación da información de paro rexistrado, estableceuse unha estrutura análoga á fixada para contratos, cun esquema de catro páxinas diferentes. A páxina de entrada resume os datos máis salientables de paro rexistrado e está enfocada a un usuario inespecífico. As outras tres páxinas son de carácter máis técnico, e nelas afóndase na análise a través de atributos (sexo, idade, actividade económica, comarca, etc.) con gráficas, resumos de datos máis específicos e mapas comarcais temáticos.
A "páxina principal" inicia o bloque de paro rexistrado, podéndose atopar unha serie de espazos informativos:
- Concepto de paro rexistrado Espazo introdutorio que ten por obxecto puntualizar a orixe e significado da información que se desenvolve no bloque de paro rexistrado.
- Demandas nesta ocupación que reflexa o número de parados rexistrados que demandan a ocupación seleccionada.
- Evolución do paro
Gráfica da evolución dos parados rexistrados que demandan a ocupación nos tres últimos anos e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Os tramos están construídos baseándose na imaxe do último día do trimestre e a evolución abrangue doce tramos trimestrais computados desde a última data de actualización para atrás.
Na lectura desta gráfica débese ter en conta que na evolución do paro rexistrado estamos vendo en cada tramo todos os parados que demandan a ocupación que seguen a conservar a condición de parado, independentemente de que se rexistrasen no último mes ou hai anos.
Con esta gráfica evolutiva complétanse os datos principais de paro rexistrado que demanda a ocupación.
Ao final desta páxina aparecen unhas ligazóns de acceso a tres páxinas con información máis pormenorizada, identificadas coa mesma cor que a páxina principal.
Na páxina denominada "Máis gráficas" podemos atopar datos de paro rexistrado segundo unha serie de atributos. O horizonte espazo-temporal é análogo ao da páxina principal. Como en todas as consultas de paro rexistrado, deberase ter en conta que revelan os parados rexistrados demandantes da ocupación (cada parado pode demandar ata seis ocupacións polo ) que están vixentes na data de actualización, independentemente da data de rexistro
As gráficas incluídas nesta páxina son:
- Paro rexistrado por sexo.
- Paro rexistrado por idade. Contén intervalos de idade homoxéneos cunha amplitude de dez anos. O primeiro tramo denominado "menores de 26 anos" corresponde, en xeral, aos traballadores de 16 a 25 anos, malia isto, optouse pola denominación de menores de 26 anos, xa que se poden dar casos excepcionais de contratacións a menores de 16 anos no ámbito artístico (modelos, cantantes, actores, etc.).
- Paro rexistrado por idade e sexo
- Paro rexistrado por niveis académicos.Cómpre matizar, neste caso, que non ten que haber unha relación directa entre o nivel académico do demandante e a ocupación demandada.
- Paro por tempo de busca
- Paro sectores económicos.
Esta gráfica reflicte as actividades económicas de procedencia dos parados rexistrados correspondentes ao seu último emprego. Probablemente esta actividade económica de procedencia teña unha relación directa co ámbito económico da ocupación, pero, se a motivación á hora de demandar a ocupación é outra (afinidade polos estudos ou titulacións, vocación, etc...) a actividade económica non estará relacionada coa ocupación.
A actividade económica está referida ao nivel de división (dous díxitos numéricos) da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE).
Dado que nas relacións CNAE de orixe do parado e ocupación demandada hai en certos casos unha elevada transversalidade, engadíuselle a esta gráfica "outros sectores" para agrupar aquelas actividades con menor presenza porcentual.
A páxina "Máis info" é de carácter máis técnico e agrupa un conxunto de datos resumo en torno a tres eixes:
- Perfil tipo do paro rexistrado. Conxunto de atributos referenciados baseándose no valor máis común acadado polos parados rexistrados demandantes da ocupación , correspondente á imaxe da data de actualización no conxunto da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Colectivos: resumo de datos porcentuais dos colectivos máis habituais nos estudos do mercado.
- Indicadores: incluíuse un indicador de tendencia que proporciona información sobre crecemento ou decrecemento dos parados rexistrados demandantes da ocupación ao longo do tempo (cinco anos).
O indicador de tendencia constrúese comparando o dato de parados anuais da última imáxe da data de actualización coa media das imáxes na mesma data nos catro anos anteriores, de tal xeito que, cando é maior, dá crecemento; cando é igual, estabilidade, e cando é menor, decrecemento. Para que o indicador dea estabilidade, debe corresponder a media aritmética dos catro anos anteriores exactamente co valor dos parados rexistrados na última imaxe.
Unha vez establecida a tendencia, fanse unha serie de matizacións comparando os parados rexistrados en cada unha das imaxes dos distintos anos respecto aos outros. Deste xeito, cando o resultado é de crecemento, a matización pode ser de tres tipos:
- Crecemento nos catro períodos interanuais: crecemento sostido.
- Crecemento en tres períodos interanuais: crecemento relevante.
- Crecemento nun ou dous períodos interanuais: crecemento irregular.
A estabilidade pódese matizar do seguinte modo:
- Crecemento en tres períodos interanuais: estabilidade positiva.
- Crecemento nun ou dous períodos interanuais: estabilidade irregular.
- Constante no tempo: estabilidade.
E cando partimos dunha situación de decrecemento:
- Decrecemento nos catro períodos interanuais: decrecemento sostido.
- Decrecemento en tres períodos interanuais: decrecemento relevante.
- Decrecemento nun ou dous períodos interanuais: decrecemento irregular.
Nesta páxina incluíuse un bloque con mapas temáticos a través dos que se representa o territorio galego estruturado en comarcas. O propósito deste bloque informativo é mostrar aspectos xeográficos diferenciais de relevancia na análise deste parámetro en torno a os seguintes mapas:
- Mapa do paro comarcal. Concreta as diferenzas territoriais dos parados rexistrados que demandan traballar nunha ocupación, segundo a imaxe da base de datos correspondente á data de actualización.
Para obter unha homoxeneización de criterios que posibiliten unha análise sinxela e aplicable, optouse polos valores absolutos. Este tipo de datos permite obter información significativa en ocupacións cunha distribución de datos moi diferente (desde comarcas con máis de 1.000 parados que demandan a ocupación ata outras que non chegan a unha ducia de parados), posibilitando ao mesmo tempo establecer comparacións nos mesmos parámetros espazo-temporais entre ocupacións.
Respecto á construción dos intervalos de parados, para conseguir a significación de mapas en grupos tan diversos, optouse por deseñar intervalos amplos que permitisen encaixar comarcas que presentan baixo número de parados (menos de 100) con outras de paro apreciable (entre 100 e 1.000 parados rexistrados).Deste xeito, definíronse sete intervalos que integran toda a casuística de distribución de datos asociados a sete cores en degradado que imprimen unhas tonalidades diferentes segundo o volume de parados que demandan unha ocupación.
Os intervalos, de amplitude crecente, non son homoxéneos entre si para un mapa concreto (son homoxéneos para todos os grupos ocupacionais) por cuestións de acomodación da información e de simplicidade da análise.
- Mapa de crecimiento do paro. Mapa coa información subministrada polo indicador de tendencia (para saber máis sobre este indicador, consúltense as notas metodolóxicas da páxina de contratos denominada "máis info"). O obxectivo deste mapa é observar as variacións territoriais acadadas por este indicador nas comarcas. Para a coherencia interna dos datos, engadiuse o filtro de non permitir calcular a tendencia naquelas comarcas que non presentasen contratación en, polo menos, un dos cinco anos anteriores.
- Mapa do paro de longa duración. Un parado de longa duración é aquel parado menor de 25 anos que leva máis de 180 días inscrito, ou ben, un maior ou igual de 25 anos inscrito máis de 365 días.
- Mapa sectorial. Mapa elaborado para observar as variacións territoriais de actividades económicas de procedencia dos parados rexistrados.
O punto de perfís profesionais dentro da aplicación de "A Miña Profesión" constitúe unha unidade totalmente diferenciada e independente dos outros dous puntos da aplicación (mercado laboral e formación).
Trátase de información que constitúe unha unidade, non diferentes subpuntos independentes entre si. Polo tanto, son bloques informativos que caracterizan os aspectos máis relevantes do mesmo perfil. Este punto de Perfís Profesionais pretende achegar certa organización e unha linguaxe común ás denominacións dos perfís profesionais, competencias e funcións, que poida servir de referente á hora de realizar ofertas e demandas de traballo.
Este obxectivo lévanos a considerar o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais como marco de referencia necesario, xa que é o instrumento que ordena as cualificacións profesionais susceptibles de recoñecemento e acreditación, identificadas no sistema produtivo en función das competencias apropiadas para o exercicio profesional. Comprende as cualificacións profesionais máis significativas do sistema produtivo español, organizadas en familias profesionais e niveis, e constitúe a base para elaborar a oferta formativa dos títulos e os certificados de profesionalidade.
O principal obstáculo a salvar é a inexistente correlación entre Cualificacións Profesionais e a codificación SISPE, relación que resulta imprescindible para o desenvolvemento deste punto de perfís profesionais e para a necesaria conexión cos outros dous puntos que conforman a aplicación: mercado laboral e formación.
Por outro lado, o Instituto Galego das Cualificacións ten iniciada unha liña de traballos sobre perfís profesionais: "Catálogo de Perfís Profesionais" que aparece contextualizado no ano 2005, e que consideramos que pode servir de punto de partida para desenvolver este punto. Este estudo parte dunha metodoloxía propia, aínda que non resulta áxil para poder dar resposta rápida ás necesarias actualizacións e incorporacións de novos perfís profesionais.
O proceso a seguir resulta laborioso, ao tratar información procedente de fontes diversas: Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, avance sobre os certificados de profesionalidade, Catálogo de Perfís Profesionais, xunto coa dificultade engadida de traballar con ocupacións que teñan unha correspondencia directa na codificación SISPE, requisito imprescindible para poder conseguir unha operatividade na aplicación.
Como resultado final, obtemos unha estrutura organizativa e metodolóxica para realizar un primeiro avance de perfís profesionais que se concretan nunha serie de bloques de información.
A. Descrición da ocupación. Sitúase a ocupación respecto ao Sistema de Información do Servizo Público de Emprego (SISPE), e defínense e sinálanse as súas funcións.
Constitúe, pois, un punto de información xeral da ocupación onde se ofrecen datos xerais, referidos a:
- Familia profesional: identificación da ocupación dentro das 26 familias profesionais en que se estrutura o Catálogo Nacional de Cualificacións.
A ordenación en familias profesionais permite clasificar as ocupacións en áreas que inclúen ámbitos profesionais e de actividade económica afíns.
- Competencia xeral: breve exposición dos cometidos e funcións esenciais do profesional.
- Funcións: descrición máis pormenorizada deses cometidos que deberá saber realizar.
- Ámbito profesional: tipo de organizacións, áreas ou servizos nos cales este profesional exerce a súa actividade.
- Sectores produtivos onde se desenvolven as principais actividades.
- Outras ocupacións ou postos de traballo afíns: recolle aquelas outras ocupacións e postos de traballo con que se relaciona, atendendo a criterios de afinidade na competencia profesional para realizar o traballo.
B. Requisitos profesionais. Bloque que aparece estruturado nos seguintes puntos:
- Nivel formativo recomendable Fai referencia ao nivel de preparación que se requiriría para poder desempeñar a correspondente ocupación.
Determinouse tendo en conta o nivel de cualificación que ten asignada a cualificación profesional onde se encontra recollida cada ocupación.
Así, se se trata dunha ocupación encadrada nunha cualificación de nivel 1, a formación asociada a este nivel require un conxunto de coñecementos iniciais correspondentes a un nivel de preparación que sexa equivalente ao de estudos básicos, independentemente da forma da súa adquisición.
No caso dunha ocupación asociada a un nivel 2 de cualificación, o nivel de preparación será o equivalente ao de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria, e no caso do nivel 3 ao equivalente a Bacharel, en ambos os casos independentemente da forma da súa adquisición.
- Formación complementaria (coñecementos técnicos, normativos, idiomas, informática e outros coñecementos). Na formación complementaria séguese o criterio do estudo de perfís mencionado anteriormente, dividindo a información en: coñecementos técnicos, normativos, idiomas, informática e outros coñecementos. En cada punto distínguense estes coñecementos entre os que se consideran necesarios e os preferibles.
- Carné profesional Só aparece se se trata dunha actividade ou profesión regulada. Entendemos por profesión regulada aquela en que existe unha normativa emanada dunha Administración pública que establece algunha condición que é necesario cumprir para exercer unha actividade profesional, prestar un servizo, etc.
Polo tanto, nesta epígrafe sinálase a normativa, sexa autonómica ou estatal, onde se encontra regulada e os requisitos xerais que a persoa debe cumprir para obter ese carné profesional. Neste punto considérase a posibilidade dun cadro de Observacións, ao que se accedería a través dunha ligazón para matizar información contida.
Ademais destes dous bloques, existe, se así o require o perfil, un espazo de Observacións para matizar certos datos da estrutura común.
Nun primeiro momento reuniuse toda a información necesaria para levar a cabo a actualización destes perfís profesionais, en concreto, recompilación das cualificacións profesionais publicadas nas diferentes familias profesionais que forman parte do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, a información recollida no proceso de elaboración dos novos certificados de profesionalidade e o conxunto de perfís profesionais que se elaboraran no estudo realizado polo Instituto Galego das Cualificacións.
A partir desta documentación, analízase cada un dos perfís definidos no estudo de perfís profesionais e búscase aquela cualificación profesional que a nivel competencial máis se lle aproxima, sexa na mesma ou en distinta familia profesional, ou nalgunha pendente de publicar.
Debemos sinalar que, no caso de encontrar varias cualificacións profesionais de distinto nivel de cualificación que poden relacionarse cun mesmo perfil, acudimos á definición do perfil e ao grupo profesional que se sinala no seu código SISPE para determinar a cualificación en que realmente se encontraría recollido o perfil. Neste caso, apoiámonos tamén na información recollida no proceso de elaboración dos novos certificados de profesionalidade.
Unha vez identificada a cualificación, compárase a definición do perfil coa competencia xeral da cualificación e as funcións do perfil coas unidades de competencia da cualificación profesional seleccionada, coa finalidade de establecer os puntos de coincidencia e os de discrepancia entre ambos.
Dada a múltiple casuística que xorde da correlación cualificacións profesionais-códigos SISPE (unidade básica de consulta na aplicación "A Miña Profesión"), a estrutura deste proceso metodolóxico permite, en calquera caso, realizar, de ser necesario, axustes metodolóxicos que poidan ser necesarios para nun futuro seguir ampliando o abano de perfís profesionais.
O proceso metodolóxico seguido concrétase no seguinte esquema: