Se eres unha persoa ou organización que ofrece emprego, o Servizo Público de Emprego de Galicia ofréceche como servizo fundamental a posibilidade de xestionar as túas ofertas de emprego mediante a realización de sondaxes e cruzamentos coas demandas de emprego clasificadas, e o posterior envío dos demandantes seleccionados para dar resposta axeitada ás túas necesidades de man de obra. Dentro desta xestión inclúese o apoio na definición dos requisitos da oferta para que respondan ás necesidades reais do posto a cubrir, e para ter maiores garantías de eficacia na selección de candidatos que resulten idóneos. Non obstante, a xestión de ofertas de emprego non esgota os servizos dispoñibles para ofertantes, que se completan cos seguintes:
- Naqueles casos en que a empresa non encontre candidatos idóneos entre os remitidos dende o Servizo Público de Emprego, ofrécese a posibilidade de desenvolver programas experimentais de formación á medida con compromiso de contratación. Mediante estes programas, poderás desenvolver unha acción formativa deseñada á medida pola propia empresa, contando co financiamento desta por parte do Servizo Público de Emprego de Galicia sempre que a empresa alcance á finalización da acción a porcentaxe de contratación de asistentes ao curso comprometido.
- Para os casos en que se produza a contratación, o Servizo Público de Emprego tamén ofrece o servizo de comunicación da contratación de xeito presencial nas oficinas de emprego, ou por Internet a través da aplicación Contrat@.