Criterios de selección para a admisión a cursos

PROGRAMACIÓN 2020/2021

INTRODUCIÓN
 
As persoas traballadoras ocupadas e/ou desempregadas poden inscribirse en todas aquelas accións formativas que sexan do seu interese.
 
Só poderán ser admitidas a cursos aquelas persoas solicitantes que se atopen en situación laboral de desemprego ou estean ocupadas e teñan o seu centro de traballo en Galicia. A comprobación da situación laboral poderá ser realizada de oficio pola propia Administración, sen necesidade de que se achegue ningún documento xustificativo para ese efecto.
 
A condición de desemprego, para os efectos de ser destinatario/a da formación impartida neste centro, virá determinada pola súa inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego  de Galicia con data anterior á de publicación da relación de admitidos e admitidas que se realicen para cada curso.
Non poderán ser seleccionadas para realizar cursos no CNTG aquelas persoas desempregadas que se atopen no Servizo Público de Emprego en situación de suspensión.
 
Dentro da programación de formación profesional para o emprego da Consellería de Emprego e Igualdade, o alumnado que resulte seleccionado para un curso non poderá asistir en ningún caso a outro simultaneamente e tampouco poderá causar baixa nun curso para acceder a outro.
 
 
 
CRITERIOS
 
1  Orde de preferencia nas solicitudes de inscrición a cursos presentadas polas persoas interesadas
 
Todas as solicitudes presentadas por unha persoa terán o mesmo nivel de preferencia, non podendo a persoa que solicite inscribirse en varios cursos priorizar entre elas.
 
 
2  Proba de aptitude
 
Proba previa que determinará se a persoa solicitante posúe os coñecementos requiridos para acceder ao curso e que permitirá ao CNTG configurar grupos de alumnos e alumnas o máis homoxéneos posibles en relación co seu nivel de coñecementos e perfil técnico.
 
A superación desta proba é requisito previo para ser seleccionado/a. Os criterios de superación serán propios de cada acción formativa. A consideración de non apto/a pode ser tanto por exceso como por defecto de coñecementos en relación cos contidos do curso a impartir e, para os efectos de formar un grupo homoxéneo, do nivel do grupo de candidatos/as presentados/as á proba.
Para realizar a proba será requisito terse inscrito correctamente no portal web no prazo determinado. Aquelas persoas non inscritas correctamente poderán ser admitidas á realización da proba se o aforo o permite, pero terán a mínima prioridade e so poderán ser admitidas ó curso en caso de existir vacantes.
 
Por problemas de aforo ou outras casuísticas, o prazo de inscrición poderá sufrir alteracións respecto da planificación inicial. 
 
Sen comprometer o requisito de ter uns coñecementos previos axeitados para o aproveitamento da formación, poderá facerse unha excepción á obrigatoriedade de realización da proba de selección no caso de existir vacantes ou no caso de establecer itinerarios de cursos, en cuxo caso a superación dun curso previo pode implicar a inclusión no seguinte.
 
Calquera información relativa ás titulacións académicas, cursos realizados e/ou certificacións profesionais conseguidas, que expresamente sexan solicitadas no cuestionario da proba, deberán, para os efectos de ser obxecto de valoración, especificarse de maneira expresa e completa nas respostas.
 
A Administración poderá pedir en calquera momento a xustificación documental dos devanditos méritos, que deberán ser posuídos en data anterior ao día da proba.
 
En caso de incorrer en falsidade, a persoa solicitante non será admitida ao curso, e non se expedirá o diploma caso de ser  seleccionada no curso.
 
As persoas solicitantes consideradas aptas ordenaranse cuantitativamente segundo a orde de prelación numérica descendente, de maior a menor aptitude, obtida en función do criterio da puntuación aplicada a cada proba concreta.
 
 
3  Edicións prioritarias
 
Naqueles cursos orientados prioritariamente a persoas desempregadas, o colectivo de persoas desocupadas terá prioridade total sobre o de persoas ocupadas. Nos cursos dirixidos prioritariamente a persoas ocupadas será este colectivo o que teña dita prioridade sobre o de persoas desempregadas. Nas actividades formativas con edición única ambos colectivos terán o mesmo nivel de prioridade, aínda que se poderán establecer preferencias en función do tipo de curso.
 
Cando o número de persoas declaradas aptas sexa igual ou inferior ao número de prazas ofertadas para o curso, todas elas quedarán seleccionadas para realizar a actividade.
 
Nas edicións dirixidas preferentemente ao persoal desempregado a porcentaxe de persoas traballadoras ocupadas non poderá exceder do 30% en cada unha delas.
 
No caso de que non se cubran a totalidade das prazas dun determinado curso por candidatos/as desempregados/as e existan aspirantes ocupados/as, poderá superarse o 30% sempre que o total de admitidos/as ocupados/as para toda a programación para desempregados non supere ese 30%.
 
  
4  Universalización de acceso
 
Co gallo de achegar as actividades formativas do centro ao maior número de profesionais, terán prioridade para obter praza, aquelas persoas solicitantes que, sendo declaradas aptas, non realizaran máis de 1 curso no CNTG na programación en curso.
 
Co mesmo obxectivo de universalización, poderán realizarse cambios na prioridade de candidatos e candidatas para que non se supere o límite do 25% de participantes dunha mesma empresa nun curso.
 
  
5  Sector público
 
Os cursos do CNTG están orientados e dirixidos ao sector privado. Non obstante o dito, poderán cubrirse ata un máximo do 10% das prazas ofertadas por persoal das Administracións Públicas.
 
No caso de que non se cubran a totalidade das prazas dun determinado curso por candidatos/as desempregados/as ou ocupados/as do sector privado e existan aspirantes do sector público, poderá superarse o 10% sempre que o total de admitidos/as para toda a programación non supere en ningún caso ese 10%.
 
   
6  Repetición dunha acción formativa por parte do alumnado
 
Aquel alumnado que realizara un determinado curso e teña dereito a diploma, só poderá volver realizar a mesma acción formativa no caso de existir vacantes.
 
Este criterio non será de aplicación no caso de que se trate dunha nova versión dun produto, ferramenta ou metodoloxía concreta, ou para o suposto de que a persoa solicitante desexe actualizar unha versión dunha certificación profesional na que está acreditada.
 
Non obstante, neste caso terán prioridade para ser seleccionadas aquelas persoas consideradas aptas que non teñan realizada esta actividade formativa ou non dispoñan de ningunha acreditación profesional sobre a materia obxecto do curso salvo que na ficha do curso indíquese o contrario.
 
 
7  Requisitos obrigatorios para o curso ou a proba de certificación
 
No caso de existir requisitos obrigatorios de titulación, certificacións previas, experiencia ou doutro tipo para recibir o curso, será excluído o alumnado que non cumpra eses criterios. No caso de que eses criterios soamente afecten á proba de certificación asociada á formación, o alumnado que non os cumpra pasará ao final da lista, e soamente poderá participar na formación no caso de haber prazas vacantes.
 
  
8  Desempate
 
Darase preferencia a mulleres, especialmente aquelas que sufran violencia de xénero, persoas discapacitadas e persoas en risco de exclusión social.
 
No caso de empate tras haber aplicado os criterios anteriores, aplicaranse os seguintes criterios de desempate:
  • persoa con nota máis alta no cuestionario de coñecementos da materia
  • persoa con menos cursos en convocatorias anteriores
  • orde alfabética, comezando pola letra do último sorteo publicado ao que se refire o regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia

 

Descargar en formato PDF