FAQ : Inscrición

 

Quen pode participar nunha actividade formativa?

Só poderán ser admitidos/as aos  cursos do CNTG  aqueles/as solicitantes que se atopen en situación laboral de desempregado/a ou ocupado/a, e poden inscribirse en todas aquelas accións formativas que sexan do seu interese.

A condición de desempregado/a, aos efectos de ser destinatario/a da formación impartida neste Centro, virá determinada pola súa inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia con data anterior á de publicación da relación de admitidos que se realice para cada curso.

Non poderán ser seleccionadas para realizar cursos no CNTG aquelas persoas desempregadas que se atopen no Servizo Público de Emprego en situación de suspensión específica por programas experimentais ou en calquera situación que non implique intermediación en ofertas de emprego.

A condición de ocupado/a, aos efectos de ser destinatario/a da formación impartida neste Centro, virá determinada pola súa inscrición no réxime da seguridade social ou réximes asimilados e  dado de alta  nalgún centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Cómo me inscribo nunha actividade formativa ou nun evento?

As inscricións para actividades formativas, cursos, realizaranse unicamente mediante formulario web e dentro dos prazos que para cada acción formativa se establezan. A inscrición noutros eventos ou actividades do Centro tales como xornadas, seminarios ou presentacións tecnolóxicas poderá efectuarse, se así se establece expresamente, a través doutras vías como por exemplo o correo electrónico.

Rematado o prazo de inscrición establecido para cada edición dun curso non se permitirán novas inscricións.

En cursos de dobre edición, aquelas persoas inscritas nunha edición prioritaria para desempregados/as ou prioritaria para ocupados/as que cambien a súa situación laboral no tempo comprendido entre a data de remate do prazo de inscrición e o día de realización da proba de selección, pasando por tanto de ocupados/as a desempregados/as ou de desempregados/as a ocupados/as, poderán solicitar ata dous días laborables antes do día da proba e mediante correo electrónico dirixido ao departamento de estudos, o cambio de inscrición a aquela edición que se axuste ao seu novo perfil laboral.

 

Como verifico ou anulo unha inscrición?

Pode consultar a seguinte guía para obter máis información: Guía para realizar inscricións nos cursos do CNTG.

 

Cales son os prazos de presentación de solicitudes?

Os prazos inicial e final de presentación de solicitudes para  inscribirse nun curso figurarán expresamente indicados na ficha a publicar na páxina web do CNTG. A asistencia a outro tipo de eventos, tales como xornadas ou seminarios, virá regulada e publicitada na súa propia convocatoria.