NOVAS

Volver á páxina Índice
« Atrás

O CNTG Premio TIC Galicia 2018

---

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, vén de recibir un dos galardóns dos Premios TIC Galicia, que organiza o Clúster TIC Galicia, xunto coa Laconnetwork, un proxecto que une a profesionais deste sector. O xurado outorgoulle o premio Iniciativa TIC, dedicado a organismos, organizacións, asociacións, fundacións (públicas ou privadas) que axudan na creación, lanzamento e asentamento de empresas e ao propio emprendedor.

O galardón recoñece o labor do CNTG no seu impulso á formación dos traballadores con perfís tecnolóxicos e pola súa contribución a que este colectivo de profesionais estea preparado para dar resposta ás necesidades, retos e proxectos dos diversos sectores do tecido produtivo galego relacionados coas novas tecnoloxías e a sociedade da información.

A capacitación dos traballadores e traballadoras galegos nas novas tecnoloxías está integrada nas principais estratexias económicas e de innovación da Xunta, como a Axenda 20 para o Emprego, a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e a Axenda Industria 4.0. No CNTG, formáronse ao longo do curso 2016/2017 máis de 2.100 alumnos e alumnas nesta materia a través de 52 cursos e 26 seminarios dirixidos principalmente a persoas ocupadas en empresas TIC.

A oferta formativa do CNTG, que conta cunha inserción laboral media do 60% nas accións dirixidas a desempregados, permite aos alumnos acceder aos exames de certificación oficial con recoñecemento a nivel mundial para acreditar o seu dominio nun determinado produto ou ferramenta tecnolóxica.